lunes, 21 de diciembre de 2009

Estrea no 2010 - Trailer #1


CAAlonso Producións
có apoio de Ruben Coca PC
presentan

"Roger de Flor: Naturalidade Silvestre" é unha longametraxe documental en torno a figura do cantante e compositor fenés Roger de Flor, no que coa excusa de facer un seguimento da xira de presentación do seu derradeiro disco, intentaremos coñecer a situación actual de tantos artistas de locais de pequeño aforo en Galicia, e profundizar nas motivacións deste creador bohemio, autodidacta e independente.

As opinións, pensamentos e sentimentos de camaradas músicos, xornalistas, escritores, poetas, melómanos e amigos do bardo limodrés, nos servirán para descubrir a un máis que digno sucesor do seu paisano Andrés do Barro. Roger de Flor é un artista que semella fora de época, coma o ianqui aquel da célebre novela da Mark Twain, pero que no lugar de atoparse desubicado na Corte do Rei Artur, inexplicablemente foi recalar a Ferrolterra, esa comarca en declive industrial crónico dende finais do século XX.

UN DOCUMENTAL MUSICAL DE
CARLOS ALBERTO ALONSO

Canción: "Alguien como tú" (Roger de Flor/ Sergio Cabalo)

viernes, 27 de noviembre de 2009

As longametraxes da xeración 'indie'

Por vez primeira, Galicia conta cun grupo de cineastas debutantes, independentes, e formados ó abeiro da Axencia Galega do Audiovisual.

Vinte anos despois da estrea dos tres filmes (Sempre Xonxa, Continental e Urxa) que marcaron o evento fundacional da nova era do cinema feito en Galicia, por vez primeira emerxe un grupo de cineastas ós que se lles podería aplicar o concepto de xeración. Roldan todos os 40, forxáronse paseando as súas curtas de festival en festival, formáronse no país, e a maioría tiveron a ousadía de montar as súas propias produtoras para sacar os seus filmes adiante. Casi todos eles debutan como cineastas, reivindican o papel relevante da Axencia Galega do Audiovisual, e caracterízanse por un estilo próximo ó cinema independente.Esta semana estreouse nos cines A noite que deixou de chover de Alfonso Zarauza, e Enrique Otero presentou en Cineuropa un adianto do seu filme Crebinsky. A pasada semana, Relatos, de Mario Iglesias, foi seleccionada para competir en en Tokio, un dos mellores festivais do mundo, e Luis Avilés rematou a montaxe da súa ópera prima, Retornos. Mentres, Fernando Cortizo ultima a rodaxe da longametraxe de animación O Apóstolo, que se estreará en xullo. "É moi bonito ver unha xeración nova, e todos de primeiras películas moi dignas. Creo que somos unha xeración de directores que algún chegará a facer grandes traballos", afirma con entusiasmo Alfonso Zarauza. Este director compostelano aparcou un día Dereito para lanzarse, nos 90 a rodar curtametraxes. Pero a cousa non foi todo o ben que esperaba. "Marchei no 98, porque aquí os produtores só apostaban por directores de fóra, incluso por realizadores noveles, e iso ofendíame. Eu víame capacitado para facer cousas, pero tiven que irme", lembra Zarauza, que malia irse a traballar a Madrid, seguiu facendo en Galicia as súas curtas, "e sempre en galego", salienta. No seu primeiro filme, A noite que deixou de chover, tratou de crear unha historia "moi compostelana, pero que chegue ao mundo".

A intención de darlle carácter universal ás súas historias está presente nestes novos realizadores. Todos rodaron en Galicia, pero co obxectivo de facelas chegar a todo o público. "Intento facer cine desde Noia, non desde Nova York, nin desde Los Ángeles. Creo que é posible traballar desde aquí", afirma Luis Avilés. Esta semana rematou a montaxe de Retornos, un thriller que conta estrear antes do verán. Será o seu primeiro, e está producido por Vaca Films, unha produtora emerxente coa que este realizador noiés confésase cómodo, "porque se preocupan en buscar realizadores en Galicia". Avilés é crítico coa falta de apoio das grandes produtoras e co "pouco que arriscan" á hora de apostar por realizadores de aquí. "Somos unha nova xeración con traballos dignos. Aquí non hai só boas localizacións, tamén bos directores", reivindica este cineasta, fillo do poeta Avilés de Taramancos.

Retornos buscará nas vindeiras semanas convencer a un comité do Festival de Berlín que seleccionará en España películas para o festival. Ese tamén é un obxectivo de Crebinsky, o debut de Enrique Otero, e do que se proxectou a primeira bobina en Cineuropa. "Acabas saíndo nos créditos de director, de productor executivo, de guionista e do que faga falta, pero é que a veces para sacar unha película adiante hai que ser un superhome", presume este realizador de Ortigueira, que fixo o guión co actor protagonista Miguel de Lira. A falta de expectativas para o seu filme, levouno a montar a súa propia produtora, Control Z, pero o camiño non foi doado. "A un mes vista, estabamos por devolver a axuda, pero apareceron Farruco Castromán e Luís Tosar, coa produtora ZircoZine, e déronnos apoio", lembra. "Sen Manolo González e a Axencia Audiovisual este filme xamais se faría. El apostou por esta xeración indie" declara agradecido.

Nas mesmas circunstancias adversas que Enrique Otero, empezou tamén o proxecto de animación O Apóstolo, que se estreará en xullo. Cortizo tamén viu que ninguén cría tanto no seu proxecto coma el mesmo, polo que decidiu sacalo adiante coa súa produtora Artefacto. "Nesta xeración temos en común que asumimos o risco nós mesmos, porque moitos nos consideraban uns mataos sen experiencia previa, pero só nós coñecemos a fe e as posibilidades do que facemos", explica este realizador que un día abandonou a súa carreira como veterinario para dedicarse ó audiovisual. "Somos a última fornada dun traballo serio que se ven facendo en apoio ós novos creadores pero isto hai que regalo, igual que as plantas", advirte, ó tempo que engade que "esta xeración tamén xorde porque se lle deu apoio económico e moral, e agora todo está en stand-by, sen saber que vai pasar". Cortizo é un artesano da animación, un traballador da plastilina que, cunha bagaxe de sete curtametraxes, reivindica a protección da animación feita en Galicia, "e que a xente non marche, agora estamos collendo un nome".

Dunha opinión semellante á de Cortizo é Mario Iglesias, o maior desta xeración de cineastas. Leva xa cinco filmes rodados, pero só un, De Bares, chegou aos cines. O seu último traballo, Relatos, trata de buscar novas canles de distribución, e Iglesias estuda en seguir "un método como o de Pradolongo, case porta a porta". Se hai un paradigma de cineasta indie ese é Mario Iglesias. Move baixos presupostos, ten unha mirada diferente e asume riscos narrativos. Iglesias é o mais veterano destes cineastas pero o mais ousado. "Nos últimos anos estiveron facéndose as cousas ben, e os nosos traballos facíanse visibles que é o que pedimos os cineastas, ademais de estabelecerse entre nós unhas relacións moi produtivas, a ver como evolucionamos", reflexiona este realizador, recén chegado de Tokio, onde o seu filme foi seleccionado en competición oficial. Pero Iglesias aínda vai máis alá: "Agora pódese falar de cine galego, non antes. É un fenómeno recente e podemos sacar peito con orgullo, porque hai unha xeración facendo cousas de calidade". En paralelo aos indies, xa transcorren os sucesores: Dani de la Torre ( Mar Libre ), Alex Sampayo, Pablo Iglesias ou Juan Pablo Etheverry. "Se isto fose baloncesto, os da NBA xa estarían botando un ollo por aquí ", conclúe Luis Avilés.

TEXTO:
Alfonso Pato
FONTE:
(El Pais, 27/11/2009)

miércoles, 5 de agosto de 2009

O documental musical "Roger de Flor: Naturalidade Silvestre", estrea no 2010



"Roger de Flor: Naturalidade Silvestre" pretende ser un documental en torno a figura do cantante e compositor fenés Roger de Flor, no que coa excusa de facer un seguimento da xira de presentación do seu derradeiro disco, intentaremos coñecer a situación actual de tantos artistas de locais de pequeño aforo en Galicia, e profundizar nas motivacións deste creador bohemio, autodidacta e independente. As opinións, pensamentos e sentimentos de camaradas músicos, xornalistas, escritores, poetas, melómanos e amigos do bardo limodrés, nos servirán para descubrir a un máis que digno sucesor do seu paisano Andrés do Barro. Roger de Flor é un artista que semella fora de época, coma o ianqui aquel da célebre novela da Mark Twain, pero que no lugar de atoparse desubicado na Corte do Rei Artur, inexplicablemente foi recalar a Ferrolterra, esa comarca en declive industrial crónico dende finais do século XX.

lunes, 15 de junio de 2009

1ª Mostra de Vídeo Clips Cidade da Coruña 2009 "Video Killed the Radio Star"


Na declaración de intencións da 1ª Mostra de Vídeo Clips Cidade da Coruña "VIDEO KILLED THE RADIO STAR" (do 29 de xuño ao 4 de xullo do 2009) pódese ler: “O vídeo clip, aínda que nado coma neto do cine e irmá pequeno da televisión, antóxasenos na actualidade coma fundamental soporte da producción musical de artistas e empresas galegas. É -por tanto- preciso, que vaia recuperando ese lugar propio e mais que merecido que ostentaba nun pasado non tan afastado. Facer que eso sexa unha realidade é a nosa verdadeira é única motivación”.

Na súa páxina web pódese atopar abundante información sobre as proxeccións, datas, lugares, participantes, entre os calen se atopan os catro traballos feitos para Roger de Flor por CAAlonso: “Una desconocida más”, “Cuanto hay que aguantar” e “Os dous amigos”, e a peza “Planeta 19 que para Boy Elliott perpetrou o Colectivo Gorevision TV, entre un total de ate 74 pezas. Info aquí

jueves, 4 de junio de 2009

A BSO de As Muxicas en descarga libre

Si desexas conservar esta sorprendente obra da desaparecida banda ferrolá Os Cempés feita en exclusiva para a curtametraxe "As Muxicas", este é o momento. Coa colaboura de folkloregalego.blogspot.com .
**************
******************
Temas da obra:
******************
01 - As Muxicas
02 - A Treboada
03 - Obsesion
04 - Felicidad
05 - Pasodoble Da Fraga
06 - Bonus Track
*****************
Ligazón:

martes, 14 de abril de 2009

A Crónica do Fin (1995 – 2009)

Galicia, ano 1995, cidade da Coruña. Aos poucos meses de chegar da súa Arxentina natal, José Luís Ducid ingresa na Escola de Imaxe e Son e nese mesmo ano gaña dúas convocatorias coma guionista. En ambos casos o premio consistía na posibilidade de plasmar en celuloide eses textos propios. Pero ocurriu algo curioso: o azar quixo que a organización do certame planificara as dúas rodaxes case simultaneamente... Entón, o afortunado forasteiro, desoíndo os consellos dalgúns avariciosos, decidiu ceder a dirección dunha daquelas curtametraxes premiadas a un compañeiro que apenas coñecía. O ferrolán Carlos Alberto Alonso.

E evidente que rodar en celuloide durante tres días, e dispor dun equipo técnico totalmente gratuíto non era (ni é) ningunha nimiedade como para andar regalándolla a calquera desocupado. Pero semellante acto de xenerosidade de Ducid viña con trampa: o inmigrante quedara convencido da valía de Alonso gracias ós seus aguerridos vídeos de producción independente e ademais esixía a cambio ser el mesmo o (¿galán?) protagonista daquela historia que cedía “desinteresadamente”...

Pechouse o pacto cunha emocionada aperta… E a partir dese intre o choque de visións ferrolano/porteñas sumado aos egos exorbitados destes dous apasioados, testarudos e cinéfilos estudantes, foi total.Rocambolescas circunstancias durante a preproducción e a rodaxe impediron que aquela curtametraxe de terror psicolóxico (tan parecida á propia relación entre o sudamericano e o galego) se levará a cabo na súa primeira fase, tal e como fora planeada. Pero esto só era o comezo (do fin). Ainda máis insólitos foron os problemas nas fases de montaxe, etalonaxe, sonorización, e un largo etcétera máis que se lles veu enriba... Unha concatenación de decisións torpes, tristes, e ate violentas, propias algunhas e alleas a maioría, que só conseguiron que os doce minutos da curtametraxe se perderan nun limbo que vai dende 1995 ate 2009... é dicir, durante case 15 anos.

A versión do filme que foi circulando de "tapadillo" por un par de certames, filmotecas, e -nos últimos tempos- Internet, é unha obra inacabada, unha proba visible e audible do que é un proxecto frustrado, unha ensalada de imaxes e sons que durante anos foi definida polo mesmo Alonso como: “The End, ese fillo parvo, ao que por elo aprecio máis que a ningún”.

Pero todo o que comeza, ten o seu final. Asistamos pois, en sincronía coa milagre da amizade adulta entre os co-guionistas Alonso e Ducid, a (case) “correcta versión” desta escalofriante historia, agora retitulada de maneira un tanto irónica (ou non): “The End: The Director´s Cut”. Oxalá a disfrutedes tanto, pero tanto, como nos padecimos intentando facela...

domingo, 8 de marzo de 2009

Que doce anos non é nada...


Dani Filloa doce anos despois ( aínda que polas miñas contas saen catorce ; ) demostra en Banda Curta da TVG que aquelo do paso dos anos e o bo viño é certo. Revisando o instante televisivo pensei, qué fermoso sería facer -tanto tempo despois- unha nova tanda de clips para o programa do porco bravo!, estou convencido de que tanto O Neno Elliott, Roger de Flor ou Quant (barrendo para casa, desculpen) estarían máis que dispostos. Queda dito. Por certo, graciñas aos responsábeis do programa musical da galega por esa reseña final á eterna promesa do cinema galego.



O Inspector Tomé en Basesanxoan (San Xoan de Filgueira, Ferrol).



PD.- Definitivamente o Xabarín Club foi todo un referente para varias xeracións de galegos, e por si alguén ten dúbidas que bote unha ollada por aquí.

martes, 3 de febrero de 2009

Un vídeo clip independente merecería estar nominado ós Mestre Mateo?

Nos pensamos que sí... Por iso, vos convidamos a que lle botedes unha ollada ó que sen dúbida foi o vídeo clip galego do pasado verán, “Roger de Flor: Os dous amigos”, e si sodes membros da Academia Galega do Audiovisual apostedes porque unha produción independente forme parte dos Nominados ós premios Mestre Mateo deste ano.

lunes, 2 de febrero de 2009

A pasión é unha emoción crónica



Jesús Franco recollendo o Goya honorífico, e dando unha lección de humildade e solidariedade
sen parangón... Si chego a vello gostaríame ser coma él.

martes, 13 de enero de 2009

As Muxicas en Flocos TV

A comunidade virtual do audiovisual galego nace en Internet. A Axencia Audiovisual Galega, da Consellaría de Cultura e Deporte, puxo en marcha o pasado decembro Flocos.tv, un portal con vocación de ser a pantalla para a produción do audiovisual galego na que convivan tanto a industria como os creadores individuais. O obxectivo é crear un novo espacio na Rede para a exhibición e difusión das producións galegas, que ao tempo sirva como lugar de encontro entre os creadores audiovisuais, a industria e os espectadores. Flocos.tv pretende ser un escaparate no que facer visible unha gran parte da produción audiovisual galega do pasado, presente e futuro. Trátase en moitos casos de producións difíciles de ver noutras pantallas (as curtas seguen sen ter espacios de exhibición axeitados tanto nas televisións coma nas salas comerciais), e noutros de creacións rescatadas do esquecemento que forman parte xa da nosa historia. O portal tamén ábrese á industria audiovisual como ferramenta para as súas campañas de promoción, como está sucedendo coa exhibición dos trailers das longametraxes que sen lugar a dúbidas cimentarán as bases do novo cinema galego: “Os Crebinsky, “Pedro e o Capitán”, “Frío” ou “Dous fragmentos/ Eva”... entre outros. Cada día estrease na web unha nova obra, e cada dúas semanas ponse en marcha un novo ciclo temático. Unha das características máis notables é a alta calidade na que se poden ver as obras na web, moi superior a habitual en portais como Youtube, e coa posibilidade incluso de dispoñer de audiovisuais en calidade HD. Outra caracteristica a destacar e a opción de que calquera internauta pode rexistrarse coma usuario e comentar e puntuar os seus traballos favoritos.