martes, 13 de enero de 2009

As Muxicas en Flocos TV

A comunidade virtual do audiovisual galego nace en Internet. A Axencia Audiovisual Galega, da Consellaría de Cultura e Deporte, puxo en marcha o pasado decembro Flocos.tv, un portal con vocación de ser a pantalla para a produción do audiovisual galego na que convivan tanto a industria como os creadores individuais. O obxectivo é crear un novo espacio na Rede para a exhibición e difusión das producións galegas, que ao tempo sirva como lugar de encontro entre os creadores audiovisuais, a industria e os espectadores. Flocos.tv pretende ser un escaparate no que facer visible unha gran parte da produción audiovisual galega do pasado, presente e futuro. Trátase en moitos casos de producións difíciles de ver noutras pantallas (as curtas seguen sen ter espacios de exhibición axeitados tanto nas televisións coma nas salas comerciais), e noutros de creacións rescatadas do esquecemento que forman parte xa da nosa historia. O portal tamén ábrese á industria audiovisual como ferramenta para as súas campañas de promoción, como está sucedendo coa exhibición dos trailers das longametraxes que sen lugar a dúbidas cimentarán as bases do novo cinema galego: “Os Crebinsky, “Pedro e o Capitán”, “Frío” ou “Dous fragmentos/ Eva”... entre outros. Cada día estrease na web unha nova obra, e cada dúas semanas ponse en marcha un novo ciclo temático. Unha das características máis notables é a alta calidade na que se poden ver as obras na web, moi superior a habitual en portais como Youtube, e coa posibilidade incluso de dispoñer de audiovisuais en calidade HD. Outra caracteristica a destacar e a opción de que calquera internauta pode rexistrarse coma usuario e comentar e puntuar os seus traballos favoritos.