lunes, 18 de octubre de 2010

Ciclo "Novo Cinema Galego" na Casa das Campás (Pontevedra)

"O 2 de xaneiro deste ano, nas páxinas culturais de Xornal de Galicia, o crítico Martin Pawley arriscaba un titular: "2010, Ano do Audiovisual Galego". Así, en maiúsculas. E nas dúas primeiras liñas dobraba a aposta: “2010 será o ano máis importante da historia do audiovisual galego”. Cinco meses e medio despois, o 22 de maio, unha das películas nas que Pawley sustentaba o seu todo ou nada, o debut de Oliver Laxe na longa distancia, gañaba o premio da crítica no Festival de Cannes. Coa beizón a Todos vós sodes capitáns na Croisette, a etiqueta “Novo Cinema Galego” empezaba a funcionar.

Martin Pawley, Xurxo González e outro colaborador deste diario, o crítico José Manuel Sande, programador da filmoteca galega (CGAI), encárganse de consolidar agora esa etiqueta cun ciclo de proxeccións e coloquios que ocupará a Casa das Campás de Pontevedra todos os venres (19.00 horas) até o 3 de decembro. Novo Cinema Galego, como se alcuma o programa, está coordinado por Suso Novás e patrocinado pola Universidade de Vigo.

Dúas pezas curtas de Peque Varela (Ferrol, 1977) e Oliver Laxe (París, 1982), as seminais 1977, París#1, abriron a programación o pasado venres, e esta semana a quenda será para unha escolma dos traballos do colectivo WeareQQ, formado polo galego Vicente Vázquez e a vasca Usue Arrieta. Nas outras seis sesións proxectaranse tamén obras de Susana Rei, Pablo Millán, Víctor Hugo Seoane, Ramiro Ledo, Xurxo Chirro, Lara Bacelo, Ángel Santos, Antón Caeiro, Alberte Pagán e Carlos Alberto Alonso.

Sete epígrafes organizan a programación. Sete palabras de orde que trazan ou poden axudar a trazar algúns dos elementos que converten a etiqueta “Novo Cinema Galego” nunha ferramenta útil para describir o que se está a facer agora en Galicia: Territorios, Axencia Galega do Audiovisual, Na descuberta, Reciclaxe, Cinefilia, Cine, vídeo e dixital e En concerto.

Aínda que faltan nomes, como os de Marcos Nine ou Eloy Enciso, entre outros, o crítico Martin Pawley cre que a nómina é abondo significativa. Con algunha excepción, son autores nacidos a finais dos 70 ou nos primeiros anos dos 80 que se formaron, na maioría dos casos, fóra de Galicia. Proceden en ocasións de campos alleos ao estritamente cinematográfico e rebélanse, consigna o crítico, “contra a tiranía da ficción”. E fano ademais dende unha profunda cultura visual. É o que o ciclo chama, non sen riscos, cinefilia.

A través dos coloquios que seguirán ás proxeccións, os responsábeis da mostra queren profundar nas causas da aparición desta xeira de cineastas. Unha delas podería atoparse nas políticas audiovisuais desenvolvidas polo goberno bipartito a través da Axencia Audiovisual Galega e as axudas á promoción do talento, hoxe en cuestión. Esa experiencia protagonizará a sesión do vindeiro 29 de outubro".

Fonte: Iago Martínez ( Xornal.com )