domingo, 27 de julio de 2008

Innisfree atópase en Nogueirosa



O próximo mércores 30 de xullo ao pé do castelo dos Andrade na parroquia eumesa de Nogueirosa terá lugar a estrea mundial do novo vídeo clip do cantautor Roger de Flor: “Os dous amigos”, que de forma reincidente levou a cabo un servidor tras varios meses de esforzo e dedicación. O acto de presentación acontecerá ás 21.00 horas na casa que está baixo o rochoso castelo e irá precedido dunha sardiñada con pan, viño e cachelos. De novo, có apoio técnico de Ruben Coca Producións, puxen imaxes a esta saltarina peza composta polo tandem Roger de Flor/ Nicolás Vidal, e que trata sobre as peripecias de dous entrañables personaxes absolutamente reais: o artesán e poeta Luís Maquieira e o trobador aresán coñecido como o Marqués das Viñas. No proxecto colabora a concellería de cultura do Concello de Fene.

Na actualidade o tema está no concurso "A Polo Ghit" da Radio Galega e o xornal electrónico Vieiros, e atópase xunto ao Planeta 19 de Boy Elliott e os Plastics Bags nunha competitiva loita para ser os representantes galegos no Liet-Lavlut, o festival europeo da canción en linguas minorizadas. A edición deste ano terá lugar o 18 de outubro en Luleå, capital da Laponia sueca. A canción dos dous amigos precede ao inminente traballo de longa duración De Flor titulado “Naturalidad silvestre”.

ULTIMA HORA:
Xa rematou o prazo de votacións en A Polo Ghit, e xa se coñecen os primeiros finalistas, os escollidos cos votos do público. A eles sumaranse outros cinco preferidos polo xurado, e que se farán públicos o sábado. Por esta orde, Arroz, da Banda Potemkin, con 2.743 votos; Licor café, de Skándalo GZ, con 2.639; Planeta 19, de Boy Elliott & The Plastic Bags, con 1.883; Punteirolo pola escuadra, de Trapos sucios, con 1.810; Os dous amigos, de Roger de Flor, con 1.714, e Quente, de Sínefres, con 1.668, xa están máis preto de Luleå.

Segundo se indica nas bases do concurso, o sábado 2 de agosto coñeceranse os dez finalistas, os escollidos polos votos dos internautas e outros cinco designados polo xurado. Abrirase así un novo prazo de votacións para escoller o gañador. A votación popular pecharase o mércores 13 de agosto ás 00:00. O sábado 16 de agosto daranse a coñecer as cancións gañadoras, tanto en Vieiros como no programa Extrarradio da Radio Galega.

Os medios fanse eco:
La Voz de Galicia 17/07/08
Diario de Ferrol 27/07/08
Axencia Audiovisual Galega 29/07/2008
Radiofusion 31/07/2008
Vieiros 31/07/2008