sábado, 2 de enero de 2010

2010, o ano do Novo Cinema Galego


“Digámolo xa ao principio: 2010 será o ano máis importante da historia do audiovisual galego. Non é unha arroutada chovinista: nos próximos meses presentarán as súas novas obras boa parte dos mellores directores do país, os máis deles moi novos, un feito que nos autoriza a falar en termos xeracionais. Non é tanto un relevo, posto que o cinema de noso non gozou até agora da estabilidade precisa para falarmos de grupos ou colectivos ben diferenciados, senón a consolidación dun conxunto de autores que se expresan con liberdade á marxe das convencións industriais e conectan cos debates e tendencias que caracterizan a creación contemporánea. Falamos pois dun grupo de cineastas que “non chega tarde”, que experimenta as modas e usos audiovisuais ao mesmo tempo que se manifestan no resto do planeta.



Este aliñamento non é algo casual, por outra parte; vén propiciado polo apoio –non só financeiro– prestado pola Axencia Audiovisual Galega, cuxa inusual audacia para mirar máis lonxe non foi suficientemente aplaudida nin polas autoridades –as de agora e as de antes– nin polo sector. Singularmente valiosa foi a creación dunha liña de pequenas axudas á produción audiovisual destinadas aos creadores, as chamadas “de promoción do talento”, que só ao longo de 2009 permitiron o nacemento de máis de trinta traballos cun investimento público equivalente ao que recibe unha soa longametraxe de animación. Máis que un desexo é algo a esixirlle á actual administración o mantemento –e se for posíbel o reforzo– desta política de subvencións cuxos primeiros grandes froitos empezaremos a gozar en breve.



Hai xusto un ano o suplemento de cultura deste xornal dedicáballe un par de páxinas a dous directores galegos cuxa obra completa collía daquela dentro dun DVD: Ángel Santos e Oliver Laxe. Aquel artigo foi unha tan xusta como atrevida aposta nacida do entusiasmo provocado nos meses precedentes polas súas anteriores películas, O cazador e París #1 respectivamente, recoñecidas pola revista Cahiers du Cinéma entre as mellores curtas de 2008 en España. Eles dous seguen a ser os cineastas sobre os que recae a máxima atención. Ángel gravou a comezos do outono a súa primeira longametraxe, Dous fragmentos / Eva, unha historia triangular de amor e desamor coa que volve unha vez máis aos seus temas preferidos, as relacións de parella e a distancia entre as emocións desexadas e as vividas, nun relato deambulante que ten a cidade de Santiago de Compostela como cuarto protagonista. Como resultado do obradoiro de cinema con rapaces en situación de exclusión social que desenvolveu en Tánxer, o galego Oliver Laxe ultima na actualidade a longametraxe Todos vós sodes capitáns, un dos títulos capitais de 2010. Oliver supera o debate sobre as barreiras entre a ficción e o documental para crear unha fermosa peza de cinema extremadamente puro que nos obriga a pensar na linguaxe fílmica, na súa beleza e na súa verdade, por riba de formatos e etiquetas.



O abraiante teaser de Arraianos amosounos un vello en paraxes invernais e neboentas declamando un texto coa forza espectral das películas dos Straub-Huillet. Pouco teñen que ver esas imaxes coas que encherán finalmente o traballo de Eloy Enciso, que rodou o seu documental ficcionado sobre o Couto Mixto durante unha esplendorosa primavera, mais como declaración de intencións é abondo elocuente. A austeridade e o rigor son tamén trazos característicos da obra de Xurxo González, que en Vikingland se vale dun fascinante material alleo –as vídeo-cartas que un mariñeiro galego enviou á familia nos noventa– para elaborar unha relectura do Moby Dick de Herman Melville de dimensións monumentais. No extremo oposto en canto a duración está a curta de animación Gato encerrado de Peque Varela, que en menos de dez minutos fabula coa noción popular das varias vidas que ten un gato e a partir dela reflexiona sobre as desigualdades do noso tempo con sutileza e intelixencia.

Igualmente comprometida é a actitude de Manu Mayo en Dous de vintetantos, documental que lle pon rostro ás vítimas dos accidentes de tráfico e transcende as convencións televisivas grazas á presenza do director, que introduce de forma explícita aspectos íntimos da súa vida. A maior sorpresa vén de man de Vicente Vázquez e Usúe Arrieta, os QQ, que con Canedo regresan ás orixes do primeiro, unha vila preto de Ourense. A tala dunha árbore e a elaboración a partir da súa madeira dun libro que conterá unha foto de familia é a escusa artística dunha película-performance que festexa e honra de maneira libre e lúdica os elementos cos que se constrúe unha identidade.

Manuscritos pompeianos de Marcos Nine, Fatum de Pablo Millán, Contra a morte de Alexandre Cancelo e Iago Martínez, Territorios de Lara Bacelo, Entre linguas de Sanchez Maragoto, Varela Aveledo e Vanessa Villaverde, Roger de Flor: Naturalidade Silvestre de Carlos Alberto Alonso, Gaiteiro! de Rubén Pardiñas, Corpos arbóreos de Andrés Victorero... unha listaxe exhaustiva de títulos de interese está fóra do alcance dun artigo coma este. As obras e os autores xa os temos; agora só falta que o noso país sexa por fin consciente do seu potencial creativo".

TEXTO: Martin Pawley
FONTE: (xornal.com, 02/01/2010)

Outros textos relacionados...
O ano do Novo Cinema Galego by Marcos Nine
O silencio dos cordeiros
by Manolo Gonzalez

lunes, 21 de diciembre de 2009

Estrea no 2010 - Trailer #1


CAAlonso Producións
có apoio de Ruben Coca PC
presentan

"Roger de Flor: Naturalidade Silvestre" é unha longametraxe documental en torno a figura do cantante e compositor fenés Roger de Flor, no que coa excusa de facer un seguimento da xira de presentación do seu derradeiro disco, intentaremos coñecer a situación actual de tantos artistas de locais de pequeño aforo en Galicia, e profundizar nas motivacións deste creador bohemio, autodidacta e independente.

As opinións, pensamentos e sentimentos de camaradas músicos, xornalistas, escritores, poetas, melómanos e amigos do bardo limodrés, nos servirán para descubrir a un máis que digno sucesor do seu paisano Andrés do Barro. Roger de Flor é un artista que semella fora de época, coma o ianqui aquel da célebre novela da Mark Twain, pero que no lugar de atoparse desubicado na Corte do Rei Artur, inexplicablemente foi recalar a Ferrolterra, esa comarca en declive industrial crónico dende finais do século XX.

UN DOCUMENTAL MUSICAL DE
CARLOS ALBERTO ALONSO

Canción: "Alguien como tú" (Roger de Flor/ Sergio Cabalo)

viernes, 27 de noviembre de 2009

As longametraxes da xeración 'indie'

Por vez primeira, Galicia conta cun grupo de cineastas debutantes, independentes, e formados ó abeiro da Axencia Galega do Audiovisual.

Vinte anos despois da estrea dos tres filmes (Sempre Xonxa, Continental e Urxa) que marcaron o evento fundacional da nova era do cinema feito en Galicia, por vez primeira emerxe un grupo de cineastas ós que se lles podería aplicar o concepto de xeración. Roldan todos os 40, forxáronse paseando as súas curtas de festival en festival, formáronse no país, e a maioría tiveron a ousadía de montar as súas propias produtoras para sacar os seus filmes adiante. Casi todos eles debutan como cineastas, reivindican o papel relevante da Axencia Galega do Audiovisual, e caracterízanse por un estilo próximo ó cinema independente.Esta semana estreouse nos cines A noite que deixou de chover de Alfonso Zarauza, e Enrique Otero presentou en Cineuropa un adianto do seu filme Crebinsky. A pasada semana, Relatos, de Mario Iglesias, foi seleccionada para competir en en Tokio, un dos mellores festivais do mundo, e Luis Avilés rematou a montaxe da súa ópera prima, Retornos. Mentres, Fernando Cortizo ultima a rodaxe da longametraxe de animación O Apóstolo, que se estreará en xullo. "É moi bonito ver unha xeración nova, e todos de primeiras películas moi dignas. Creo que somos unha xeración de directores que algún chegará a facer grandes traballos", afirma con entusiasmo Alfonso Zarauza. Este director compostelano aparcou un día Dereito para lanzarse, nos 90 a rodar curtametraxes. Pero a cousa non foi todo o ben que esperaba. "Marchei no 98, porque aquí os produtores só apostaban por directores de fóra, incluso por realizadores noveles, e iso ofendíame. Eu víame capacitado para facer cousas, pero tiven que irme", lembra Zarauza, que malia irse a traballar a Madrid, seguiu facendo en Galicia as súas curtas, "e sempre en galego", salienta. No seu primeiro filme, A noite que deixou de chover, tratou de crear unha historia "moi compostelana, pero que chegue ao mundo".

A intención de darlle carácter universal ás súas historias está presente nestes novos realizadores. Todos rodaron en Galicia, pero co obxectivo de facelas chegar a todo o público. "Intento facer cine desde Noia, non desde Nova York, nin desde Los Ángeles. Creo que é posible traballar desde aquí", afirma Luis Avilés. Esta semana rematou a montaxe de Retornos, un thriller que conta estrear antes do verán. Será o seu primeiro, e está producido por Vaca Films, unha produtora emerxente coa que este realizador noiés confésase cómodo, "porque se preocupan en buscar realizadores en Galicia". Avilés é crítico coa falta de apoio das grandes produtoras e co "pouco que arriscan" á hora de apostar por realizadores de aquí. "Somos unha nova xeración con traballos dignos. Aquí non hai só boas localizacións, tamén bos directores", reivindica este cineasta, fillo do poeta Avilés de Taramancos.

Retornos buscará nas vindeiras semanas convencer a un comité do Festival de Berlín que seleccionará en España películas para o festival. Ese tamén é un obxectivo de Crebinsky, o debut de Enrique Otero, e do que se proxectou a primeira bobina en Cineuropa. "Acabas saíndo nos créditos de director, de productor executivo, de guionista e do que faga falta, pero é que a veces para sacar unha película adiante hai que ser un superhome", presume este realizador de Ortigueira, que fixo o guión co actor protagonista Miguel de Lira. A falta de expectativas para o seu filme, levouno a montar a súa propia produtora, Control Z, pero o camiño non foi doado. "A un mes vista, estabamos por devolver a axuda, pero apareceron Farruco Castromán e Luís Tosar, coa produtora ZircoZine, e déronnos apoio", lembra. "Sen Manolo González e a Axencia Audiovisual este filme xamais se faría. El apostou por esta xeración indie" declara agradecido.

Nas mesmas circunstancias adversas que Enrique Otero, empezou tamén o proxecto de animación O Apóstolo, que se estreará en xullo. Cortizo tamén viu que ninguén cría tanto no seu proxecto coma el mesmo, polo que decidiu sacalo adiante coa súa produtora Artefacto. "Nesta xeración temos en común que asumimos o risco nós mesmos, porque moitos nos consideraban uns mataos sen experiencia previa, pero só nós coñecemos a fe e as posibilidades do que facemos", explica este realizador que un día abandonou a súa carreira como veterinario para dedicarse ó audiovisual. "Somos a última fornada dun traballo serio que se ven facendo en apoio ós novos creadores pero isto hai que regalo, igual que as plantas", advirte, ó tempo que engade que "esta xeración tamén xorde porque se lle deu apoio económico e moral, e agora todo está en stand-by, sen saber que vai pasar". Cortizo é un artesano da animación, un traballador da plastilina que, cunha bagaxe de sete curtametraxes, reivindica a protección da animación feita en Galicia, "e que a xente non marche, agora estamos collendo un nome".

Dunha opinión semellante á de Cortizo é Mario Iglesias, o maior desta xeración de cineastas. Leva xa cinco filmes rodados, pero só un, De Bares, chegou aos cines. O seu último traballo, Relatos, trata de buscar novas canles de distribución, e Iglesias estuda en seguir "un método como o de Pradolongo, case porta a porta". Se hai un paradigma de cineasta indie ese é Mario Iglesias. Move baixos presupostos, ten unha mirada diferente e asume riscos narrativos. Iglesias é o mais veterano destes cineastas pero o mais ousado. "Nos últimos anos estiveron facéndose as cousas ben, e os nosos traballos facíanse visibles que é o que pedimos os cineastas, ademais de estabelecerse entre nós unhas relacións moi produtivas, a ver como evolucionamos", reflexiona este realizador, recén chegado de Tokio, onde o seu filme foi seleccionado en competición oficial. Pero Iglesias aínda vai máis alá: "Agora pódese falar de cine galego, non antes. É un fenómeno recente e podemos sacar peito con orgullo, porque hai unha xeración facendo cousas de calidade". En paralelo aos indies, xa transcorren os sucesores: Dani de la Torre ( Mar Libre ), Alex Sampayo, Pablo Iglesias ou Juan Pablo Etheverry. "Se isto fose baloncesto, os da NBA xa estarían botando un ollo por aquí ", conclúe Luis Avilés.

TEXTO:
Alfonso Pato
FONTE:
(El Pais, 27/11/2009)

miércoles, 5 de agosto de 2009

O documental musical "Roger de Flor: Naturalidade Silvestre", estrea no 2010



"Roger de Flor: Naturalidade Silvestre" pretende ser un documental en torno a figura do cantante e compositor fenés Roger de Flor, no que coa excusa de facer un seguimento da xira de presentación do seu derradeiro disco, intentaremos coñecer a situación actual de tantos artistas de locais de pequeño aforo en Galicia, e profundizar nas motivacións deste creador bohemio, autodidacta e independente. As opinións, pensamentos e sentimentos de camaradas músicos, xornalistas, escritores, poetas, melómanos e amigos do bardo limodrés, nos servirán para descubrir a un máis que digno sucesor do seu paisano Andrés do Barro. Roger de Flor é un artista que semella fora de época, coma o ianqui aquel da célebre novela da Mark Twain, pero que no lugar de atoparse desubicado na Corte do Rei Artur, inexplicablemente foi recalar a Ferrolterra, esa comarca en declive industrial crónico dende finais do século XX.

lunes, 15 de junio de 2009

1ª Mostra de Vídeo Clips Cidade da Coruña 2009 "Video Killed the Radio Star"


Na declaración de intencións da 1ª Mostra de Vídeo Clips Cidade da Coruña "VIDEO KILLED THE RADIO STAR" (do 29 de xuño ao 4 de xullo do 2009) pódese ler: “O vídeo clip, aínda que nado coma neto do cine e irmá pequeno da televisión, antóxasenos na actualidade coma fundamental soporte da producción musical de artistas e empresas galegas. É -por tanto- preciso, que vaia recuperando ese lugar propio e mais que merecido que ostentaba nun pasado non tan afastado. Facer que eso sexa unha realidade é a nosa verdadeira é única motivación”.

Na súa páxina web pódese atopar abundante información sobre as proxeccións, datas, lugares, participantes, entre os calen se atopan os catro traballos feitos para Roger de Flor por CAAlonso: “Una desconocida más”, “Cuanto hay que aguantar” e “Os dous amigos”, e a peza “Planeta 19 que para Boy Elliott perpetrou o Colectivo Gorevision TV, entre un total de ate 74 pezas. Info aquí

jueves, 4 de junio de 2009

A BSO de As Muxicas en descarga libre

Si desexas conservar esta sorprendente obra da desaparecida banda ferrolá Os Cempés feita en exclusiva para a curtametraxe "As Muxicas", este é o momento. Coa colaboura de folkloregalego.blogspot.com .
**************
******************
Temas da obra:
******************
01 - As Muxicas
02 - A Treboada
03 - Obsesion
04 - Felicidad
05 - Pasodoble Da Fraga
06 - Bonus Track
*****************
Ligazón: