miércoles, 24 de octubre de 2007

Curtametraxistas Indignados

A Academia das Artes e Ciencias Cinematográficas de España ven de cambiar os mecanismos de presentación de candidaturas para os seus premios anuais na categoría de curtametraxes. Sen previo aviso adiantou o prazo de admisión nun mes con respecto ó que viña sendo habitual en anos anteriores e limitou a duración dos traballos a 20 min., a diferencia dos 30 min. de anos anteriores ou dos 50 min. que recoñece o ICAA. Coma resultado de todo isto, temos que moitas obras quedarán sen poder optar ó que é considerado por algúns, o galardón máis importante do sector cinematográfico español, os Premios GOYA (*).

Por si todos estes cambios non foran poucos, a Academia decidiu tamén que os premios ás curtametraxes sexan suprimidos da gala televisada, entregándose unhas semanas antes na cena dos nominados, o que está motivando a todavía maior indignación de moitos curtametraxistas, especialmente -e por razóns obvias- dos nominados (entre os que este ano se atopan os galegos, Juan Pablo Etcheverry e Juan Galiñanes). E a todo esto, temos que sumar as xa tradicionais discrepancias en torno a un proceso de selección que ás veces non logra detectalas curtametraxes máis significativas do ano (asunto que tamén afecta as longametraxes, todo sexa dito). Outros problemas, coma que o receptor do galardón fora cambiando dunha edición a outra entre director e productor, ou o tema tan de actualidade de si o soporte dixital pode considerarse nominable ou non, son asuntos non menos importantes, pero que saen á luz aproveitando tan inesperada reconversión.

Por todo isto. Dende onte, unha serie de correos electrónicos con múltiples destinatarios iniciaron un denso, intenso e interesante debate que se pretende canalizar dende a web http://www.indignados.org/ . Nela poderedes atopar unha carta dirixida ós responsábeis da Academia acompañada dun pequeno cuestionario/ medidor de indignación. O Prazo para asinala misiva rematará o próximo xoves 01 de novembro ás 10:00h.


(*) Na imaxe “Saturno devorando a su hijo”, óleo de Francisco de Goya que recrea a terrorífica lenda mitolóxica de Saturno, deus do tempo e da morte, o cal, ameazado polo oráculo sobre que un dos seus fillos o destronaría, decidiu devoralos a todos.

jueves, 27 de septiembre de 2007

Cen anos atrás

Un ano despois da estrea de “A Casa de 1906” na TVG, a experiencia repítese unha nova temporada non só en Galicia. Cataluña (La Masía de 1907), Andalucía (El Cortijo de 1907) e o País Vasco (Baserria 1907) tamén experimentarán o seu viaxe no tempo cen anos atrás.

Dende o pasado mes de xuño, CAAlonso formou parte do equipo deste reality cultural que comezará a emitirse o vindeiro 03 de outubro en horario de prime-time (21:40). Continental TV e Filmanova fanse cargo da producción desta “A Casa de 1907”, versión do exitoso formato de "The 1900 house" e "Frontier House", que tiveran xa gran aceptación na televisión británica e norteamericana, respectivamente.

Blog en torno ó docu-reality de TVG "A Casa de 1907".

lunes, 3 de septiembre de 2007

"FAQ" de Carlos Atanes xa a venda (online)

Dende o pasado 14 de agosto "FAQ: Frequently Asked Questions" de Carlos Atanes entrou no mercado mundial e está ao alcance de todo bruto, sucio, guapo, listo, feo, limpo ou parvo que saiba apertalo botón axeitado do seu teclado no momento oportuno. A globalización xa está aquí e veu para quedar entre nos. En xeral o prezo do filme oscila entre os 18$ e os 25$ e se presenta coma un producto "americano", xa que foron eles (e non outros) os que levaron o gato ao auga e lle deron vida, distribuíndoa. Porque xa se sabe, que unha película non está viva, senón que morta e requetemorta ate que non se distribúe. A continuación, algúns dos seus puntos de venta online: AMAZON , ANIME FESTIVAL , BARGAINFLIX , BLOCKBUSTER , BUY.COM , CD UNIVERSE , CLUBE DE VIDEO, entre outros...

miércoles, 25 de julio de 2007

Recoñecemento

No meu barrio algúns todavía o lembran. No mes de abril do 2003 a nosa curtametraxe "As Muxicas" era seleccionada na IV Edición do Concurso Iberoamericano de Curtametraxes Versión Española/ SGAE. Para complementala súa proxección contárase no plató do devantido programa -presentado por Cayetana Guillen- coa presencia dos cineastas Miguel Picazo e Alejandro Amenabar, que comentaron a peza ante a miña atónita mirada. Sen entrar noutro tipo de valoracións, aquel feito pareceume dende o primeiro instante o recoñocemento a unha labor que arrancaramos no 2000 e que comezaba a velos seus froitos -e despois de moitísimo esforzo- tres anos despois. Paréceme de xustiza -ademais- destacar, que foi aquela unha das poucas ocasións (ata entón) nas que se puido desfrutar de cinema galego (e en galego) nunha televisión española.

¿A conto de qué ven rescatar agora este documento histórico do caixón dos recordos? Ben... Pois para celebrar que o recoñocemento volta a chamar a nosa porta, e que esta vez non tivemos que movernos da terra para saborealo.

Graciñas de todo corazón a quen corresponda.

martes, 17 de julio de 2007

"Los Trabajos del Director" de Carlos Atanes


O barcelonés (afincado en Madrid e de ascendencia galega) Carlos Atanes ven desenrolando dende 1987 unha sorprendente traxectoria coma escritor, director e productor, parindo ininterrumpidamente curtametraxes, mediometraxes, documentais e duas longametraxes de ficción ("FAQ: Frequently Asked Questions" e "PROXIMA"), en case todolos formatos coñecidos e sempre de forma independente.

Agora, cando a facilidade de acceso aos novos medios dixitais está incentivando o desexo de dirixir películas a toda unha xeración de novos cineastas, Atanes decidiu que era o mellor momento para volcar as suas reflexións e experiencias nun ensaio, editado a través de Lulu , disponible tanto en formato tradicional de libro coma en formato PDF de descarga.

"Los Trabajos del Director" é unha visita guiada aos recovecos prácticos do cinema (moi) independente (especialmente os da longametraxe, ainda que evidentemente moi emparentados cos da curtametraxe), unha revisión inusual e crítica dos tópicos da dirección cinematográfica (o proceso creativo, o traballo cos actores ou a planificación de secuencias, entre outros). Unha toma de posición na era da revolución dixital e un chamamento a todolos que desexen zambullirse na apaixoante aventura de facer películas.

lunes, 18 de junio de 2007

En xullo, ´Martes Curtos´ no MACUF

O MACUF , Museo de Arte Contemporanea Unión Fenosa (Avenida de Arteixo, 171, A Coruña) deu a coñecer parte da súa programación cultural para o verán. Entre ela destaca a actividade de promoción de curtametraxes que leva a denominación de “Martes Curtos” no que tres martes do mes de xullo vanse proxectar unha escolma moi ilustrativa deste tipo de producción galega. Esta actividade terá lugar os martes 3, 10 e 17 de xullo, e as curtas proxectaranse no MACUF a partires das 20:00.

Na grella de programación está incluída “As Muxicas” (Martes 17 de xullo), e poderanse ver tamén outros traballos de diversa índole e feitura, desde obras non subvencionadas a outras que recibiron axudas da Consellaría de Cultura e Deporte para a súa realización, desde curtas experimentais a curtas de xénero, desde curtas de curtametraxistas consagrados a directores noveis, etc... Unha excelente oportunidade para ver o estado da curtametraxe en Galicia e para descubrir obras e valores que de seguro darán moito que falar no audiovisual galego.

sábado, 9 de junio de 2007

"Ciudad Ciutat Cidade" (2007) no Teu Tubo

Estou convencido de que a poesía é moi importante, o que non teño claro é para que. “Ciudad Ciutat Cidade” pretende ser un poema audiovisual, polo menos esa foi a miña intención inicial. Sonche así de atrevido. Non sei si o conseguín, pero do que sí estou seguro é de que se trata dun experimento, dunha necesidade e o tempo dun axuste de contas que tiña pendente coa cidade que foi meu fogar durante oito anos... e ate non hai tanto.
Que Teutubo tivera a ben incluíla no seu catalogo online é una escusa coma outra calquera para podela compartir, con quen inverta o seu tempo de ocio paseando polo meu recuncho na rede.

A partires dun poema do finado Manuel Vázquez Montalban, con música do mestre Bernard Herrman e utilizando o fermoso material gravado pola camarógrafa arxentina Adriana Leira, ésta é a miña humilde “Sinfonía sobre a Cidade de Barcelona”, coma moi amablemente decidiu definila algún. Producida dende a Fundación Autor (Barcelona).