lunes, 18 de octubre de 2010

Ciclo "Novo Cinema Galego" na Casa das Campás (Pontevedra)

"O 2 de xaneiro deste ano, nas páxinas culturais de Xornal de Galicia, o crítico Martin Pawley arriscaba un titular: "2010, Ano do Audiovisual Galego". Así, en maiúsculas. E nas dúas primeiras liñas dobraba a aposta: “2010 será o ano máis importante da historia do audiovisual galego”. Cinco meses e medio despois, o 22 de maio, unha das películas nas que Pawley sustentaba o seu todo ou nada, o debut de Oliver Laxe na longa distancia, gañaba o premio da crítica no Festival de Cannes. Coa beizón a Todos vós sodes capitáns na Croisette, a etiqueta “Novo Cinema Galego” empezaba a funcionar.

Martin Pawley, Xurxo González e outro colaborador deste diario, o crítico José Manuel Sande, programador da filmoteca galega (CGAI), encárganse de consolidar agora esa etiqueta cun ciclo de proxeccións e coloquios que ocupará a Casa das Campás de Pontevedra todos os venres (19.00 horas) até o 3 de decembro. Novo Cinema Galego, como se alcuma o programa, está coordinado por Suso Novás e patrocinado pola Universidade de Vigo.

Dúas pezas curtas de Peque Varela (Ferrol, 1977) e Oliver Laxe (París, 1982), as seminais 1977, París#1, abriron a programación o pasado venres, e esta semana a quenda será para unha escolma dos traballos do colectivo WeareQQ, formado polo galego Vicente Vázquez e a vasca Usue Arrieta. Nas outras seis sesións proxectaranse tamén obras de Susana Rei, Pablo Millán, Víctor Hugo Seoane, Ramiro Ledo, Xurxo Chirro, Lara Bacelo, Ángel Santos, Antón Caeiro, Alberte Pagán e Carlos Alberto Alonso.

Sete epígrafes organizan a programación. Sete palabras de orde que trazan ou poden axudar a trazar algúns dos elementos que converten a etiqueta “Novo Cinema Galego” nunha ferramenta útil para describir o que se está a facer agora en Galicia: Territorios, Axencia Galega do Audiovisual, Na descuberta, Reciclaxe, Cinefilia, Cine, vídeo e dixital e En concerto.

Aínda que faltan nomes, como os de Marcos Nine ou Eloy Enciso, entre outros, o crítico Martin Pawley cre que a nómina é abondo significativa. Con algunha excepción, son autores nacidos a finais dos 70 ou nos primeiros anos dos 80 que se formaron, na maioría dos casos, fóra de Galicia. Proceden en ocasións de campos alleos ao estritamente cinematográfico e rebélanse, consigna o crítico, “contra a tiranía da ficción”. E fano ademais dende unha profunda cultura visual. É o que o ciclo chama, non sen riscos, cinefilia.

A través dos coloquios que seguirán ás proxeccións, os responsábeis da mostra queren profundar nas causas da aparición desta xeira de cineastas. Unha delas podería atoparse nas políticas audiovisuais desenvolvidas polo goberno bipartito a través da Axencia Audiovisual Galega e as axudas á promoción do talento, hoxe en cuestión. Esa experiencia protagonizará a sesión do vindeiro 29 de outubro".

Fonte: Iago Martínez ( Xornal.com )

viernes, 17 de septiembre de 2010

Cinema e concerto no mesmo lote...

"(...) As posibilidades de distribuír unha produción audiovisual en Galicia é un tema común de preocupación para todos os realizadores do país. "Unha cousa é a escaseza de vías de exhibición, e outra a inexistencia, que é moito peor. Certamente o panorama é desolador, e co sistema de película máis concerto podemos ofrecer ós programadores algo máis atractivo", explica Carlos Alberto Alonso, director do documental musical Roger de Flor, Naturalidade Silvestre. Partindo da traxectoria do músico fenés Roger de Flor, Alonso aborda nesta longametraxe documental a problemática dos músicos que tratan de buscar un oco nos circuítos dos concertos en directo en pequenos locais. Con cada exhibición programada, viaxa unha banda encabezada polo propio Roger de Flor, que ofrece un concerto como complemento ó documental. Nesta banda actúan algúns dos músicos que aparecen na película, cunha longa traxectoria na escena musical galega, como Magín Blanco ou o Neno Elliot. "O máis paradóxico é que loitar por buscar un oco de proxección é xusto o que nós contamos no documental coa loita dos músicos por buscar sitios para tocar, co cal estamos vivindo desde dentro a temática do docu", explica este realizador ferrolán formado en Cataluña.

Durante un tempo, Alonso estivo buscando profesionais da distribución e incluso promotores de concertos para que moveran a película e o concerto, pero canso de non atopar resposta decidiu tomar a iniciativa co propio Roger de Flor. "A xente está mal acostumada, e colle como escusa a crise. Algúns non queren nin pagarlle ós músicos, pero, malia todo, estamos colleitando resultados moi satisfactorios", explica Alonso. Entre salas de concertos, festivais de cine, festivais de música e centros culturais, o boca-orella está funcionando e arredor de 2.000 espectadores viron xa Naturalidade Silvestre e a actuación musical complementaria. "Se non fora por este sistema, igual o docu estaba nun caixón, como a maioría do que se produce en Galicia. Aquí tiramos cineastas de músicos e viceversa. Saímos xuntos de xira e iso é enriquecedor", confesa Carlos Alberto Alonso. Xa fixeron dez actuacións e de aquí a fin de ano teñen previstas outras tantas, a máis próxima o vindeiro 7 de outubro no Festival de Cine de Ourense, un encontro que nesta edición dará cabida a varios destes proxectos (...)" (por Alfonso Pato, El Pais, 17/09/2010 , Foto - Xosé Ardá)

martes, 7 de septiembre de 2010

Proxección de "Roger de Flor: Naturalidade Silvestre" nas Festas da Parrocheira 2010 (Ferrol Vello - A Coruña)

O mercores 8 de setembro as 21:00 horas dentro da programación das Festas da Parrocheira 2010, se proxectara o documental “Roger de Flor: Naturalidade Silvestre”. Aínda que Roger de Flor é o protagonista principal deste traballo, a súa figura non deixa de ser unha escusa para falar de tantos e tantos músicos de salas de pequeno aforo, da situación musical galega (ou de mais alá do telón de grelos), e en definitiva, da problemática dos creadores, artesáns e artistas... da legua...

Organiza: A. VV. FERROL VELLO - Xunta Directiva - C/ Curro, 1. 15401 - FERROL - Tlf./fax: 981.356842 - Móvil: 638176108 - avvferrolvello@yahoo.es