Xa temos apuntadas catro formacións da bisbarra ferrolán (e o corazón dividido) para a edición deste ano do Apologhit, concurso na procura da canción do verán que argallan a Radio Galega e o portal Vieiros. O Apologhit afronta a súa 3ª edición, e pretende promocionar a música galega, co gallo de atopar esa melodía estival, esa banda sonora galega para este verán do 2008. Poderedes votar a “Planeta 19” de Boy Elliott (VOTA), “Os dous amigos” de Roger de Flor (VOTA), "O río grande do sul" de Los Cosmonautas Rusos (VOTA) ou “Sinestesia” de Quant (VOTA), entre outras... durante todo o tempo que dure o concurso. Á fin de garantir a fiabilidade do voto electrónico, os usuarios deberán rexistrarse e só poderán emitir un voto cada día. Os oíntes da Radio Galega poderán votar a través de chamadas telefónicas aos programas da emisora, e sms.
O sábado 2 de agosto coñeceranse os dez finalistas, cinco escollidos polos votos dos internautas e outros cinco designados polo xurado. Abrirase entón un novo prazo para as votacións e así escoller o gañador. A votación popular pecharase o mércores 13 de agosto ás 00:00. O sábado 16 de agosto daranse a coñecer as cancións gañadoras, tanto en Vieiros como no programa Extrarradio da Radio Galega.