domingo, 21 de diciembre de 2008

Un vídeo monótono, coma outro calqueira...

Nestas datas tan sinaladas nos calendarios das grandes superficies comerciais, sobre todo. Roger de Flor chega ós nosos fogares. O bardo limodrés presentará en dous concertos o seu primeiro disco oficial que leva por título “Naturalidad Silvestre”. As actuacións celebraranse o 26 de decembro ás 22 horas no Ateneo Ferrolán e o 3 de xaneiro en Casa Ardá (Limodre - Fene) ás 22:30. Así mesmo, o día 26 estrearase nesta mesma web o ultimo vídeo clip do tándem Alonso - de Flor (co apoio de Ruben Coca Producións), “Días monótonos”. Gravado en tempo record nos estudios “La Buhardilla” -que o cantante Fenés utiliza como búnker creativo en Limodre (Fene, A Coruña)- o vídeo intenta retratar de maneira sinxela o devenir nun día da vida dun artista bohemio, no contexto dunha comarca en declive industrial crónico na Galicia dos comezos do século XXI.

martes, 2 de diciembre de 2008

O vídeo clip máis canalla de Roger de Flor

Hai quen di que nunca debes laiarte dos tempos que che tocou vivir, pois de pouco te servirá. Xa nos oitenta Golpes Bajos cantaba aquelo de "... malos tiempos para la lírica". En tódalas épocas hai esa excepción que confirma a regra, e si entón era German Coppini quen nos daba o toque de atención, agora está aquí Roger de Flor para demostrar que nos comezos do Seculo XXI a cousa non anda moito mellor.

Cuanto hay que aguantar!”, é o segundo adianto (o primeiro foi “Os dous amigos”) do seu disco “Naturalidad Silvestre (2008)” que sairá a luz en pleno Nadal e que virá acompañado dunha sorprendente xira de presentación en directo que principiará o 26 de decembro no Ateneo Ferrolán para continuar por Vigo e A Coruña, entres outras cidades galegas. Nesta ocasión o bardo limodrés sofre unha insólita mutación, converténdose nun "impersonator" do Sinatra máis “ratpackiano”. Isto e moito máis nunhas imaxes que toman como decorado a noite ferrolá máis insospeitada, neste novo vídeo do tandem Alonso-De Flor (co apoio loxístico de Ruben Coca Producións) que mestura á “Nouvelle Vague” cun Fred Astaire de mércores de mercadillo en Recimil.

Os medios fanse eco:
La Voz de Galicia
Diario de Ferrol
Axencia Audiovisual Galega

viernes, 7 de noviembre de 2008

"As Muxicas" incluida na rede Cinemas Dixitais da Axencia Audiovisual Galega

A nosa curta "As Muxicas" foi incluida nesta escolma pensada para converterse nun proxecto histórico dentro da divulgación das curtametraxes galegas. A Axencia Audiovisual Galega acude ó rescate desas producións invisíbeis co propósito de desfacer un desagravio e dar a coñecer parte moi estimábel do noso audiovisual. Pequenas pezas que supuxeron apostas arriscadas en distintos aspectos, poderán ser vistas ao longo e ancho da nosa xeografía, polo tanto este ciclo supón un achegamento á esa parte oculta do audiovisual galego. Así, deste modo, hai que contemplar este ciclo de Cinemas Dixitais coma un tesouro “Curtametraxes galegas: o pequeno é fermoso” constitúe unha mostra do apoio á produción e divulgación das curtametraxes galegas, un proceso creativo fundamental para espertar o talento e a creatividade dos novos realizadores que constitúen o presente e o futuro do audiovisual galego.

viernes, 26 de septiembre de 2008

“Mínimo común múltiplo 2.0” no MIVICO 08

O Festival Internacional de Vídeo Creación do Condado, MIVICO 08, que se celebrará en Ponteareas do 3 ao 5 de outubro, inaugura a súa segunda edición coa estrea o venres día 3 de Outubro (no Centro artístico Sportivo de Ponteareas ás 21:30h) de Mínimo común múltiplo 2.0, último traballo dun dos directores mais representativos do audiovisual galego actual, Rubén Coca. Un día antes, o xoves día 2 de Outubro na FNAC de A Coruña ás 19:30h os asistentes poderán disfrutar en exclusiva da súa preestrea. En ambas datas, o pase estará complementado coa proxección do making off realizado por CAAlonsoComo se fixo Mínimo Común Múltiplo. O MIVICO 08 reafirma así a súa aposta decidida pola video creación e o cine independente coa intención ademais de abrir unha fiestra á creación máis arriscada.

sábado, 16 de agosto de 2008

“Planeta 19” vence no Apologhit 2008


Co regusto aínda amargo de ver á grandísima “Os dous amigos” de Roger de Flor na segunda posición no premio do publico, e oitava no do xurado (¿?), non deixa de ser motivo de celebración que vaiamos ser representados no Liet Lavlut: Euro-Festival de Linguas Minorizadas (Laponia) por unha formación de tal categoría, e cun tema tan sobresaínte coma “Planeta 19”. Dende Gorevision TV: The Next Generation ofrécennos este vídeo clip que mestura a música de Boy Elliott & The Plastics Bags cunha peza experimental do mestre Ivan Zulueta.

Sorte en Laponia, rapaces!!!!

domingo, 27 de julio de 2008

Innisfree atópase en Nogueirosa



O próximo mércores 30 de xullo ao pé do castelo dos Andrade na parroquia eumesa de Nogueirosa terá lugar a estrea mundial do novo vídeo clip do cantautor Roger de Flor: “Os dous amigos”, que de forma reincidente levou a cabo un servidor tras varios meses de esforzo e dedicación. O acto de presentación acontecerá ás 21.00 horas na casa que está baixo o rochoso castelo e irá precedido dunha sardiñada con pan, viño e cachelos. De novo, có apoio técnico de Ruben Coca Producións, puxen imaxes a esta saltarina peza composta polo tandem Roger de Flor/ Nicolás Vidal, e que trata sobre as peripecias de dous entrañables personaxes absolutamente reais: o artesán e poeta Luís Maquieira e o trobador aresán coñecido como o Marqués das Viñas. No proxecto colabora a concellería de cultura do Concello de Fene.

Na actualidade o tema está no concurso "A Polo Ghit" da Radio Galega e o xornal electrónico Vieiros, e atópase xunto ao Planeta 19 de Boy Elliott e os Plastics Bags nunha competitiva loita para ser os representantes galegos no Liet-Lavlut, o festival europeo da canción en linguas minorizadas. A edición deste ano terá lugar o 18 de outubro en Luleå, capital da Laponia sueca. A canción dos dous amigos precede ao inminente traballo de longa duración De Flor titulado “Naturalidad silvestre”.

ULTIMA HORA:
Xa rematou o prazo de votacións en A Polo Ghit, e xa se coñecen os primeiros finalistas, os escollidos cos votos do público. A eles sumaranse outros cinco preferidos polo xurado, e que se farán públicos o sábado. Por esta orde, Arroz, da Banda Potemkin, con 2.743 votos; Licor café, de Skándalo GZ, con 2.639; Planeta 19, de Boy Elliott & The Plastic Bags, con 1.883; Punteirolo pola escuadra, de Trapos sucios, con 1.810; Os dous amigos, de Roger de Flor, con 1.714, e Quente, de Sínefres, con 1.668, xa están máis preto de Luleå.

Segundo se indica nas bases do concurso, o sábado 2 de agosto coñeceranse os dez finalistas, os escollidos polos votos dos internautas e outros cinco designados polo xurado. Abrirase así un novo prazo de votacións para escoller o gañador. A votación popular pecharase o mércores 13 de agosto ás 00:00. O sábado 16 de agosto daranse a coñecer as cancións gañadoras, tanto en Vieiros como no programa Extrarradio da Radio Galega.

Os medios fanse eco:
La Voz de Galicia 17/07/08
Diario de Ferrol 27/07/08
Axencia Audiovisual Galega 29/07/2008
Radiofusion 31/07/2008
Vieiros 31/07/2008


sábado, 14 de junio de 2008

Boy Elliott, Roger de Flor, Los Cosmonautas Rusos e Quant no Apologhit 08

Xa temos apuntadas catro formacións da bisbarra ferrolán (e o corazón dividido) para a edición deste ano do Apologhit, concurso na procura da canción do verán que argallan a Radio Galega e o portal Vieiros. O Apologhit afronta a súa 3ª edición, e pretende promocionar a música galega, co gallo de atopar esa melodía estival, esa banda sonora galega para este verán do 2008.

Poderedes votar a “Planeta 19 de Boy Elliott (VOTA), “Os dous amigos” de Roger de Flor (VOTA), "O río grande do sul" de Los Cosmonautas Rusos (VOTA) ou “Sinestesia” de Quant (VOTA), entre outras... durante todo o tempo que dure o concurso. Á fin de garantir a fiabilidade do voto electrónico, os usuarios deberán rexistrarse e só poderán emitir un voto cada día. Os oíntes da Radio Galega poderán votar a través de chamadas telefónicas aos programas da emisora, e sms.

O sábado 2 de agosto coñeceranse os dez finalistas, cinco escollidos polos votos dos internautas e outros cinco designados polo xurado. Abrirase entón un novo prazo para as votacións e así escoller o gañador. A votación popular pecharase o mércores 13 de agosto ás 00:00. O sábado 16 de agosto daranse a coñecer as cancións gañadoras, tanto en Vieiros como no programa Extrarradio da Radio Galega.